2012/04/11

ENTRADA EN FUNCIONAMIENTO DO IET

DOG Núm. 68 
Martes, 10 de abril de 2012 
Páx. 12523
 
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas 

ORDE do 4 de abril de 2012 pola que se fixa a data de entrada en funcionamento do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio adscrito a esta consellería.

O artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que se creará o Instituto de Estudos do Territorio coa natureza, fins e medios que se establezan na súa lei reguladora. En cumprimento do mandado legal citado, a través da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, créase o Instituto e disponse a súa adscrición á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, e asemade regúlanse os aspectos indicados na Lei 10/1995, do 23 de novembro. 

O Instituto de Estudos do Territorio configúrase como un organismo autónomo dos regulados na sección 2.ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, e os seus estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, publicado no Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2012. 

O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio constituíuse formalmente o día 7 de febreiro de 2012, coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor. Cómpre agora, unha vez ultimadas as actuacións necesarias para a súa posta en marcha, fixar a data da súa efectiva entrada en funcionamento.

Polo exposto, en exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Fixar como data de entrada en funcionamento do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, o día 7 de abril de 2012.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
 

2012/04/09

DECRETO 106/2012, do 4 de abril

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas 

  • DECRETO 106/2012, do 4 de abril, polo que se nomea director do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio a Manuel Borobio Sanchiz.

En virtude do establecido no artigo 24 dos estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, e os artigos 4.13 e 34.2 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de abril de dous mil doce,

Nomeo director do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio a Manuel Borobio Sanchiz.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO, O 4 DE ABRIL DE 2012,

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO, O 4 DE ABRIL DE 2012, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO DECRETOS 

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS 

  • Decreto polo que se dispón que cese Manuel Borobio Sanchiz como director xeral de Sostibilidade e Paisaxe. 
  • Decreto polo que se nomea director do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio a Manuel Borobio Sanchiz. 
__________________________________________________

O CONSELLO DA XUNTA NOMEA A MANUEL BOROBIO COMO DIRECTOR XERAL DO INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO 

  • Desde maio de 2009 ocupouse de xestionar a Dirección Xeral de Sostibildiade e Paisaxe, case tres anos nos cal acadou a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de ordenación do territorio 
  • A partir do 7 abril o Instituto de Estudos do Territorio funcionará con total operatividade para reforzar o labor de asesoramento con concellos así como dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos en relación ao territorio e á paisaxe 

O Consello da Xunta autorizou hoxe o proxecto de decreto polo que se nomea director do Instituto de Estudos do Territorio a Manuel Borobio Sanchiz, ata o momento director xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Nesta mesma reunión tamén procedeu ao cesamento como director xeral, cargo que ocupou desde maio de 2009.

Manuel Borobio é arquitecto urbanista pola Universidade de Navarra, especialista en asentamentos humanos pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM), e técnico urbanista polo Instituto Nacional da Administración Pública. Tamén é profesor asociado de Urbanismo da Universidade da Coruña. Nos últimos sete anos traballou no campo da xestión da información, na súa análise como punto de partida para o deseño e a planificación de calquera actuación sobre o territorio e a paisaxe.

De feito, como responsable da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe Galicia acadou dous dos grandes fitos en relación co territorio na Comunidade galega, como foi a redacción e aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e das Directrices de ordenación do territorio.

 A Xunta tomou a decisión de crear o Instituto de Estudos do Territorio para reforzar o labor de asesoramento con concellos, así como dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades dos cidadáns, e dos equipos técnicos en relación ao territorio e á paisaxe a través da utilización eficiente dos recursos públicos.

Coa constitución deste ente non se incrementará o gasto de persoal e mellorarase a eficiencia e a organización administrativa, evitando duplicidades innecesarias.

Cómpre recordar que o Instituto integrará:

  • A recente extinguida Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe 
  • A Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal) 
  • A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica. 

Así mesmo, no seo do Instituto crearase o Observatorio Galego da Paisaxe.

Con estas medias, a Xunta segue a dar exemplo de austeridade, mellora e optimización da capacidade de xestión da administración, aforro na obtención de información territorial; ao mesmo tempo que transparencia na posta á disposición da cidadanía información territorial.

2012/04/03

IET - 12 ABRIL 2012

O Instituto de Estudos do Territorio integra a Dirección Xeral de Sostibilidade o SITGA e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica

A Consellería de Medio Ambiente pon en funcionamento a partir do 7 de abril o Instituto de Estudos do Territorio

  • O Consello Reitor reunido esta mañá aprobou o plan de actuación deste organismo, no que se recollen os obxectivos e os resultados previstos polo IET, xunto cos indicadores de seguimento dos mesmos
  • Este organismo nace co principal obxectivo de reforzar a tarefa de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe
  • A posta en funcionamento representa un novo avance do Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia
  • Hernández recorda que para a Xunta 2012 é o ano da paisaxe, posto que o Goberno galego está a poñer en marcha unha serie de medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia

 

Santiago, 3 de abril de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presidiu hoxe a reunión do Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio. (IET), onde se aprobou a proposta do Plan de actuación desta entidade, documento que sinala a guía pola que se vai a desenvolver a súa actividade. Este organismo, que asume as competencias en materia de paisaxe; as de xestión da información con referencia territorial; e os datos xeográficos, facilitará o intercambio de información e a utilización dunha mesma base de referencia.

Na proposta do Plan de actuación recóllense con detalle os obxectivos e os resultados previstos polo Instituto de Estudos do Territorio, xunto cos indicadores de seguimento dos mesmos. E, por suposto, se indican os recursos persoais, materiais e orzamentarios para a súa consecución.

Así pois, a partir do 7 de abril, o Instituto de Estudos do Territorio traballará con plena operatividade e garantía xurídica, integrando as competencias da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal), e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica.

O Consello da Xunta tamén aprobará o nomeamento de Manuel Borobio Sanchiz, actual director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, como director xeral do Instituto de Estudos do Territorio, unha entidade que proverá a todos os departamentos de aplicacións e utilidades para a xestión e análise da información do territorio. O Instituto ten tamén como principal obxectivo estratéxico o de impulsar, xerar e divulgar coñecemento en materia de territorio, paisaxe e sostibilidade.

Segundo manifestou o conselleiro Hernández, o traballo realizado durante estes tres anos no eido do territorio son o camiño a seguir para acadar os éxitos e obxectivos logrados. Recordou que coa aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e das Directrices de Ordenación do Territorio, Galicia cumpriu unha asignatura pendente, dispor por primeira vez dunhas regras do xogo claras e definidas, dun marco normativo estable que ordene o territorio e protexa o litoral de forma efectiva. Coa aprobación desas dúas ferramentas completouse a planificación territorial e definíronse os documentos que guiarán a xestión territorial e a ordenación territorial de Galicia para o próximo medio século.

Por outro lado, recordou que dende a Xunta de Galicia deféndese o ano 2012 como ano da paisaxe, posto que o Goberno galego está a poñer en marcha unha serie de medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e preservar os elementos mais significativos e característicos das diferentes paisaxes da Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións provocadas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

O Instituto de Estudos do Territorio reforzará a tarefa de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe.

Natureza e funcións
O Instituto de Estudos do Territorio creouse como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo, a ordenación do territorio e a protección e xestión da paisaxe. Entre as súas funcións destacan:

• Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
• Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.
• Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
• A compilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os órganos de goberno deste organismo serán a Presidencia, que lle corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo; e o Consello Reitor, que é o órgano colexiado de goberno integrado pola presidencia, vicepresidencia, secretaría e sete vogais.

En relación coa súa estrutura administrativa destacan o Departamento Xestión Xurídico-Administrativa, que centralizará toda a labor relativa a dita denominación; e o Departamento Técnico de Estudos, no que se integrarán o Servizo de Planificación da Paisaxe, o Servizo de Coordinación e Información Territorial e o Servizo de Estudos respectivamente

Coa posta en marcha do Instituto de Estudos do Territorio, o departamento que dirixe Agustín Hernández, avanza un paso máis no camiño da protección do territorio, unha política de actuación que xa deu grandes froitos como a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, así como a modificación da Lei do Solo. Todo isto é proceso do traballo que está a levar a cabo o Goberno galego, avanzando nunha fase máis en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia.

FONTE: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/19962/conselleria-medio-ambiente-pon-funcionamento-partir-abril-instituto-estudos-territorio
 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.