2010/12/14

CONCENTRACIÓNS DA CIG NAS OFICINAS DO INEM, O DIA 15, PARA EXIXIR O MANTEMENTO DA AXUDA DE 426 € A PARADOS SEN PRESTACIÓNS

A central sindical quere manifestar a súa solidariedade con este colectivo e denunciar que, ao tempo, o goberno elimina o imposto de sociedades e privatiza Aena e Loterías

Este mércores día 15 de decembro, a CIG celebrará asembleas de delegados/as en todas as cidades e convocará concentracións diante das oficinas do INEM, para exixir do goberno que se manteña a axuda de 426 euros para os parados que esgotaron a prestación por desemprego e para manifestar a súa solidariedade con este colectivo que se verá abocado, segundo afirmou Suso Seixo, secretario xeral “á marxinación e á pobreza”, mentres se manteñen as medidas de apoio ao capital financeiro.

As concentracións serán:

A Coruña: ás 12:30 horas, diante do Departamento Territorial do Servizo Público de Emprego (Avda. do Exército, 14)

Ferrol: ás 12:00 horas, na oficina de emprego da Avenida de Vigo, 137

Burela: ás 12:00 horas diante da oficina de emprego situada na Rúa Pardo Bazán, 21

Carballo: ás 12:00 horas diante da oficina de emprego da Rúa Luís Calvo, s/n

Compostela: ás 12:00 horas diante da oficina do INEM da Rúa Ramón Piñeiro.

Vigo: Ás 11:30 h, diante da oficina do INEM da rúa Gregorio Espiño

Ourense: Ás 11:30 horas, diante da Subdelegación do Goberno

Pontevedra: Ás 12:00 h, diante da oficina do INEM da Rúa Eduardo Pondal

Lugo: Ás 12:30, na Dirección Provincial do INEM, na Ronda da Muralla.

Na rolda de prensa convocada para anunciar estas concentracións, o secretario xeral da CIG manifestou a total oposición da central sindical con esta medida aprobada no Consello de Ministros do pasado día 3 de decembro, asegurando que “é escandaloso que un goberno que se di progresista -ou quere aparentalo, aínda que as medidas que vén adoptando evidencian todo o contrario- teña unha actitude tan condescendente coa oligarquía financeira, que se reúna cos seus máximos representantes e acto seguido entre as medidas que anuncia elimine as axudas aos parados, o que vai supor que miles de persoas teñan que padecer unha situación de marxinación e pobreza”.

Fronte a isto, Seixo denunciou que o goberno non adoptou ningunha medida para controlar as actividades financeiras e que “permite á banca seguir actuando con absoluta liberdade especulando con todo, incluído coa débeda pública”. Políticas que deixan ao descuberto que se está a pór “ao Estado e á poboación ao servizo da banca para custearlle entre todos os negocios ruinosos e especulativos dese sector”.

Asegurou que se trata de medidas “inadmisíbeis” contra as que chamou a reaccionar. Por iso, alén destas concentracións de delegados, anunciou que a CIG mobilizarase tamén contra os orzamentos públicos, tanto do Estado como da Xunta de Galiza, polos “recortes tan duros para a maioría social” que por esa vía se introducen.

Redución do imposto de sociedades

Alén diso, denunciou tamén outras das medidas aprobadas no último Consello de Ministros, nomeadamente a redución do imposto de sociedades. “Nunha situación na que se requiren ingresos para reducir o déficit público e para poder incrementar o gasto público e reactivar a economía, seguir esta política de adelgazamento do estado é profundamente equivocado”, afirmou e lembrou que a media do imposto de sociedades no ano 2008 estaba no 18,4% segundo datos oficiais, cando o tipo impositivo mínimo que pagaron o conxunto dos traballadores/as da súa renda está no 23%. Unha diferenza que xa evidenciaba “o seu carácter discriminatorio” e constataba “cal é o tipo de política impositiva que se sigue respecto dos traballadores e respecto das empresas”, dixo.

Privatización de AENA e Lotarías

Xunto a iso denunciou a intención do goberno de privatizar parte de Aena e da lotaría “a prezos de saldo”. Unha decisión que considera que “é pan para hoxe e fame para mañá”.

O secretario xeral da CIG entende que efectivamente o estado vai conseguir de forma inmediata ingresos poñéndoas en mans privadas. Porén, considera que ao tempo pérdense dúas importantes fontes de ingresos que dificultarán aínda máis a capacidade do Estado para poder intervir en política económica, e a posibilidade de que se adopten medidas que favorezan á maioría social e non que se limiten a atender os intereses do capital privado. “Séguese con esta política de adelgazamento do Estado que fai que cada vez estea máis en mans dos grupos económicos e do capital financeiro”.

Por iso lembrou que esta non é a primeira vez que se privatizan empresas que xeraban importantes ingresos para as arcas públicas e puxo como exemplo a privatización de Endesa, Telefónica ou Argentaria, afirmando que se trata de “medidas profundamente equivocadas que non van a contribuír á saída da crise económica, senón que a van acentuar moito máis o déficit do estado”.

Diante desta situación Suso Seixo advertiu que “o pouco que se pode ir corrixindo vai ser a custo de que os traballadores/as perdamos dos nosos salarios e das nosas condicións sociais e de vida”.
 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.