2010/03/30

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 26 DE MARZO DE 2010

.
.

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE
GALICIA DO 26 DE MARZO DE 2010
ACTA 03/2010


ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez
Carolina Sevilla Carbón
Ana Isabel Paz Villar

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Durán
María Elena Bernárdez López

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 10:00 horas do día 26 de marzo de 2010, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:
Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Análise e discusión do borrador de Anteproxecto de Lei. Incorporación de posibles achegas dos/as traballadores/as. Aprobación, se procede, da redacción do borrador de alegacións e/ou observacións.
Punto terceiro.- Análise da solicitude de proposta de cursos de formación feita por Recursos Humanos
Punto cuarto.- Achegas e preguntas


Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
En data 18 de marzo foi entregado ao Comité de Empresa o borrador de anteproxecto de lei pola que se modifica a Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Tras analizar e debater o borrador entregado fixéronse as seguintes propostas:

Na Disposición Adicional Primeira, puntos 3 e 4:
CIG:
  • Proposta de modificación: engadir, onde se di “o persoal que prestaba os seus servizos”, o literal “no momento da integración”, así como onde se di “baixo unha modalidade de contrato laboral fixo”, engadir o literal “ou indefinido”, tal como se fai na disposición adicional terceira punto 4 para o caso do persoal das fundacións comarcais. Apróbase por unanimidade.
  • Proposta de modificación: onde di “terá a opción de integrarse”, cambiar por “se integrará”, de tal xeito que non fose preciso solicitar a integración senón que esta fose a opción por defecto, e sempre e cando este cambio fose posible normativamente. CCOO e UGT advirten neste punto que eles xa estudaron tamén esta posibilidade non sendo posible o cambio, e así se recolleu tamén na Lei 12/2008. Acórdase polo tanto analizar máis en profundidade este punto antes da súa aprobación ou retirada.
  • Proposta de realización dun documento de adscrición: dado que a distribución do persoal entre AGADER e o Instituto de Estudos do Territorio está redactada dun xeito xenérico, proponse realizar un listado posto a posto con base na RPT vixente onde se indique o destino de cada un. Trátase de que sexa un documento de traballo interno a presentar á Dirección para que o confirme ou desminta. Apróbase por unanimidade.
 CIG e UGT:
  • Proposta de modificación: onde di “pasar a prestar servizos... e nas restantes condicións laborais” engadir o literal “que correspondan conforme ao V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e a outros posibles acordos laborais vixentes”. Apróbase por unanimidade.

CCOO:
  • Proposta de solicitude de análise do texto “e fose seleccionado baixo os principios de publicidade...” na súa afección ao persoal contratado baixo unha modalidade de contrato laboral indefinido. Acórdase por unanimidade analizar máis en profundidade este extremo antes da redacción da proposta CIG de engadir o literal “ou indefinido”.
  • Proposta de análise: estudar a posibilidade de incluír no anteproxecto de lei un proceso de consolidación de emprego para os contratados por obra ou servizo. CIG indica que este proceso se atopa xa regulado no V Convenio e que se podería explicitar a súa aplicación. Acórdase por unanimidade estudar este punto e UGT ofrécese a propoñer a redacción dun texto.
Na Disposición Adicional Oitava:
CIG:
  • Proposta de solicitude de aclaración: Nas funcións do Instituto de Estudos do Territorio faise referencia ao SITGA como entidade. Proponse polo tanto solicitar a información de que xeito se estruturará o SITGA unha vez integrado no Instituto de Estudos do Territorio. Apróbase por unanimidade.
 UGT:
  • Proposta de solicitude de aclaración: Proponse solicitar información da estrutura final de AGADER tras a integración. Apróbase por unanimidade.

Na Disposición Transitoria Única:
CIG e UGT:
  • Proposta de modificación: proponse establecer un punto para o Instituto de Estudos do Territorio e outro para AGADER, indicando que os/as traballadores/as integrado/as tamén se rexerán polo V Convenio. Apróbase por unanimidade.
Na Disposición Derrogatoria Única:
CIG:
  • Proposta de modificación: proponse especificar a derrogación do Artigo 16 punto 1 da Lei 6/2007 do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, onde se indica que os postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio serán cubertos por persoal funcionario. Apróbase por unanimidade.
 Rematada a análise do texto, incorpóranse as achegas dos/as traballadores/as. Ana I. Paz fai entrega das observacións a ela entregadas polos/as 18 traballadores/as seguintes: xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx. Todas as solicitudes están debidamente asinadas e fan referencia á incorporación do termo indefinido na disposición adicional primeira punto catro.

 Acórdase por unanimidade establecer o 31 de marzo como data tope para recibir as observacións dos traballadores/as antes da redacción final da proposta a enviar a Dirección, estimada para a semana do 5 de abril.

Punto terceiro:
Ante o escrito presentado a este comité por parte de Recursos Humanos o pasado 11 de marzo solicitando unha proposta de cursos de formación, acórdase por unanimidade e como primeiro paso solicitar a colaboración dos traballadores/as con data tope do 9 de abril.

Punto cuarto:
Ana I. Paz indica que os taboleiros de información comprometidos pola Dirección o pasado 15 de febreiro para os centros comarcais aínda non foron instalados.

Dominique Aller indica que en datas recentes foi celebrado Consello de Administración. Acórdase por unanimidade solicitar certificación dos acordos en materia de persoal.

Dáse por finalizada a sesión ás 11:30h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.

2010/03/26

NOTA INFORMATIVA COMITÉ DE EMPRESA 26 DE MARZO DE 2010


.
.
O Comité de Empresa informa que no día de hoxe celebrou sesión plenaria onde se iniciou o procedemento para a redacción dun texto de alegacións, observacións e solicitude de aclaracións sobre o borrador de anteproxecto de lei entregado o pasado 18 de marzo para dirixir á Dirección da empresa.
Agardamos as vosas suxestións ou aportacións a este texto de borrador de anteproxecto de lei con data tope do 31 de marzo. Lembrámosvos tamén o voso dereito de enviar directamente á Dirección calquera observación pertinente sen ter que pasar necesariamente polo Comité de Empresa.

Desde Recursos Humanos infórmasenos que a empresa dispón dun fondo para formación para 2010 e agarda a nosa proposta de cursos a realizar. Para que o Comité poda elaborar esta proposta necesitamos de tod@s vos que nos fagades as suxestións de cursos que considerades que serían beneficiosos para o desenvolvemento do voso traballo. Agardamos as vosas propostas con data tope o 9 de abril de 2010.

2010/03/23

O PSdeG PROPÓN PACTAR A COMPOSICIÓN DO INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO

 A proposta feita a todas as forzas políticas polo PSdeG o pasado 6 de febreiro para un PACTO POLO TERRITORIO consta de 7 propostas concretas, nas cales a número 4 fai referencia ao Instituto de Estudos do Territorio:

4.Co obxecto de crear e manter un espazo de debate e reflexión para o deseño das políticas territoriais, as forzas políticas pactarán a composición do Instituto de Estudos do Territorio, dotando ao mesmo de recursos humanos e económicos para convertelo nun foro multidisciplinar e pluriinstitucional que permita o debate sosegado e cunha perspectiva temporal ampla.

20100206 - Proposta do PSdeG para un PACTO POLO TERRITORIO. (xornalgalicia.com) 

DOCUMENTACIÓN E NOVAS A TER EN CONTA NA DISOLUCIÓN DE SODECO

.
.
.

2010/03/18

BORRADOR DO ANTEPROXECTO DE LEI

.

Borrador do anteproxecto de Lei, pola que se modifica a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo e se organizan os intrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural.

.

2010/03/17

NOTA INFORMATIVA COMITE DE EMPRESA 17 DE MARZO DE 2010

.

O Comité de Empresa informa que en reunión co Conselleiro Delegado celebrada hoxe foi transmitido o seguinte:

O borrador do Anteproxecto de Modificación da Lei 12/2008 xa está a piques de ser rematado e será entregado a este Comité mañá xoves 18 para a emisión do preceptivo informe. En canto o teñamos se vos facilitará para a súa análise.

O Conselleiro Delegado adiantou os seguintes contidos:

  1. Mantéñense todos os postos de traballo, tanto indefinidos como eventuais, mantendo todas as condicións laborais actuais.
  2. Establécese a disolución de SODECO, Fundacións Comarcais e BANTEGAL.
  3. O persoal de SODECO (a excepción da Subdirección SITGA), das Fundacións Comarcais e do BANTEGAL integrarase en AGADER.
  4. O persoal da subdirección SITGA integrarase no Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente.
Non dispoñemos polo de agora de máis información á espera de coñecer o contido do texto.



Anotación da CIG

Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia. "Instituto de Estudos do Territorio"

Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2010/03/05

MANIFESTACIÓN CIG 10 DE MARZO

Fonte: Xornal dixital Avantar. 9 de marzo de 2010 

A CIG celebra o 10 de Marzo, 'Día da Clase Obreira Galega' con mobilizacións nas sete cidades

Baixo o lema “O emprego, os salarios e as pensións deféndense loitando”
Diante das alternativas que se están a barallar por parte dos gobernos central e galego para atallar a crise económica, “a conta dun sacrificio enorme por parte da maioría social, que son os traballadores/as, mentres que aqueles que a provocaron van saír de rositas”, a CIG acordou darlle un carácter máis mobilizador a este 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Por iso, este ano convocará manifestacións nas sete cidades do país baixo o lema “O emprego, os salarios e as pensións deféndese loitando”. Ademais, celebrará, por cuarto ano consecutivo, o Premio do Día da Clase Obreira Galega, nun acto que terá lugar, en Compostela, o día 9 de marzo. 
Emprego, salarios e reforma das pensións son algúns dos aspectos nos que a CIG centrará as mobilizacións do vindeiro 10 de Marzo. Xunto a isto e alén de presentar as súas alternativas, a central sindical denunciará as políticas que se están a seguir por parte dos gobernos, tanto central como galego, “coa complicidade das centrais sindicais estatais”. Así o explicou Suso Seixo, secretario xeral, na rolda de prensa convocada para explicar en que consistirá a campaña do Día da Clase Obreira Galega.
Seixo lembrou que ao comezo da crise, a CIG xa adiantaba que a saída podía darse por dúas vías, incidindo aínda máis en medidas neoliberais ou apostando por un modelo socioeconómico máis solidario, xusto e democrático. Lamentablemente, o primeiro “é o modelo que se está a seguir por parte dos gobernos, coa connivencia das centrais sindicais estatais. Non hai máis que ver o que está a ocorrer coa reforma laboral e co pacto salarial a nivel de estado, que supón na práctica un recorte de salario para os próximos 3 anos”.
O secretario xeral da CIG denunciou que a crise económica viu motivada polo fomento dunha economía especulativa que “xerou enorme lucro para os oligarcas e especuladores nos mercados financeiros”. Porén, a idea que se está a transmitir é que a saída da mesma “está na reforma laboral e no recorte de salarios”. Por iso, afirmou que “somos profundamente críticos co que se está a facer e hai que mobilizarse porque de darse algún tipo de reforma no mercado laboral, tería que ser para acabar cos altos índices de temporalidade e de precariedade e nunca para abaratar o despedimento”. 

Alternativas
Fronte a isto, a CIG aposta por unha política de mellora do poder adquisitivo dos salarios, porque entende que unha das causas fundamentais da crise económica está en que “nos últimos anos os salarios perderon peso no PIB e os traballadores e  traballadoras moito poder adquisitivo”. Segundo Seixo, entre mentres, incrementáronse os beneficios empresariais, que foron destinados, nunha grande parte, a especular nos mercados financeiros, no canto de destinarse a crear ou potenciar o tecido produtivo. “A recuperación da actividade económica vai vir pola vía de recuperar a capacidade adquisitiva dos salarios. Polo tanto calquera pacto de contención salarial vai en contra de favorecer a recuperación económica”, explicou.
A CIG tamén aposta por incrementar o gasto público, fronte o recorte anunciado, para investir en servizos públicos, servizos de asistencia social, I+D ou apoiar o tecido produtivo; facer unha reforma profunda da política fiscal, incrementando os impostos ás rendas máis altas, recuperando o imposto de patrimonio, perseguindo a fraude fiscal e eliminando os paraísos fiscais. “Así pódese rematar co déficit público e non cunha política de impostos indirectos ou recortando os impostos ás grandes fortunas”.
O secretario xeral da CIG tamén manifestou a aposta da central sindical por unha política de intervención pública nos sectores estratéxicos, “sectores claves na economía como son o sector financeiro, o enerxético ou o das telecomunicacións, que son profundamente especulativos. Porque a única maneira de cortar con esa especulación e coa xeración permanente de burbullas é a través da intervención pública”. E coa creación dunha banca pública que canalice recursos cara o tecido produtivo e cara as familias. “A banca privada o que está a facer co diñeiro barato que lle están proporcionando os bancos centrais, é dedicarse a especular nos mercados financeiros pero non os están canalizando cara o tecido produtivo. O problema da pequena e mediana empresa non está na reforma do mercado laboral, senón na falta de liquidez e nas dificultades que ten para acceder ao crédito”
Para a CIG, “estas son as políticas que non se están a seguir por parte do goberno e polas que temos que manifestarnos na rúa. Mentres non sexa así cremos que a saída á crise económica non é real e á volta dun breve período volveremos atoparnos na mesma situación”. 

O papel da Xunta de Galiza
Suso Seixo, malia recoñecer que hai unha serie de materias clave como a política fiscal e financeira, nas que a Xunta de Galiza non ten competencias, si denunciou que o goberno galego non pode adoptar a actitude de “pasar” intentando que sexa o goberno central quen presente todas as alternativas. “É tremendamente criticábel o que están a facer nese sentido e en todo o que ten que ver cos servizos públicos e cos servizos de asistencia social, fundamentais para a calidade de vida dos galegos e galegas, pero tamén para a xeración de emprego”.
Mobilizacións
  • A Coruña: Ás 20:00 horas da Praza da Palloza
  • Compostela: Ás 20:00 horas da Praza Roxa
  • Lugo: Ás 20:00 horas da Ronda da Muralla (local CIG)
  • Ferrol: Ás 20:00 horas da Avda de Esteiro (local CIG)
  • Ourense: Ás 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios
  • Pontevedra: Ás 20:30 horas da Praza da Ferrería
  • Vigo: Saída ás 20:00 h da Vía Norte
 
Premio do Día da Clase Obreira Galega
O día 9 de marzo celebrarase o acto de entrega do Premio do Día da Clase Obreira Galega, no marco dun xantar de confraternidade que terá lugar en Compostela. Desde a CIG concíbese este agasallo como unha forma de recoñecer o conflito ou o sector que, coa súa mobilización, teña contribuído a dignificar a loita polos dereitos da clase traballadora.
Entregaranse ademais uns pergamiños de recoñecemento a sobranceiros/as militantes sindicais que contribuíron a desenvolver, ampliar e consolidar o sindicalismo nacionalista.
Cómpre lembrar que o 10 de marzo a CIG conmemora a histórica defensa da liberdade e dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras galegos que, no ano 1972, se enfrontaron ao fascismo e, nomeadamente, a Amador e Daniel, que foron asasinados pola ditadura franquista polo simple feito de defenderen, xunto cos seus compañeiros, a súa dignidade, como traballadores e como galegos. 


Fonte: Xornal dixital Avantar. 9 de marzo de 2010
 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.